Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta instalará un novo modelo piloto de cerramento de seguridade na AG-64 no lugar de Sedes, en Narón, para evitar o acceso dos animais


A actuación prevista na provincia da Coruña centrarase nesta vía de alta capacidade desde o punto quilométrico 9+000 ata o punto quilométrico 11+000
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou esta mañá da licitación dun novo modelo de cerramento de seguridade na AG-64 na zona de Sedes, no concello de Narón. A actuación prevista prevé tamén a colocación deste mesmo modelo de peche para a contención da fauna nun tramo da CG-2.2, a vía de altas prestacións Lugo-Monforte, ao seu paso polo municipio do Corgo na provincia de Lugo. As dúas obras, que hoxe se licitan conxuntamente, contan cun orzamento total de 426.000 euros.
O delegado da Xunta informou que a actuación prevista na provincia da Coruña centrarase na vía de alta capacidade AG-64 desde o punto quilométrico 9+000 ata o punto quilométrico 11+000. As obras consistirán na substitución do cerramento existente por un peche de seguridade de 150 cm de altura libre sobre o terreo, para a contención de animais domésticos e fauna salvaxe como os corzos, moi abundantes na zona. Ademais, procederase á adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 quilos de arrastre para a contención dos xabarís.
O proxecto prevé tamén a instalación de ramplas de escape no cerramento para posibilitar a saída dos animais das estradas no caso de que consigan acceder ás mesmas e executaranse pasos antifauna nos ramais dos enlaces para impedir o acceso de animais.
O representante do Goberno autonómico destacou que as actuacións previstas no implican a realización de expropiacións xa que todas as actuacións que se executan están incluídas dentro da franxa de dominio público das estradas e informou que, unha vez adxudicada a obra, o prazo de execución será duns catro meses.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro día 24 de maio para presentar as súas ofertas. Pódense consultar o anuncio da licitación no seguinte enlace:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=801795&lang=gl